Nesta edición do 2021, durante 14 roteiros dedicados á celebración do Xacobeo 2021- 2022, continuamos coas prácticas que identifican este ciclo entre os seus seguidores: visitas ao patrimonio monumental ou etnográfico; divulgación dos elementos físicos e ambientais do territorio propoñendo outras formas de narrar e comunicar a nosa historia; experiencias complementarias e alternativas ás ferramentas dixitais; e, sobre todo, o equilibrio entre divulgación e lecer, implementando actividades paralelas como gastronomía, música, etc.
Pero ademais, neste contexto de reflexión que vivimos polos grandes retos marcados desde a axenda dos obxectivos de desenvolvemento sostibles ( ODS), nesta edición queremos apoiar a creatividade e a innovación nas políticas culturais relacionadas co patrimonio. As actividades dos creadores contemporáneos, que inscriben o seu traballo artístico na vida comunitaria; a importancia da dimensión simbólica das prácticas sociais; e o recoñecemento de oficios e saber tradicionais, forman parte desta intersección.
Poesía e literatura, cinema, arte contemporánea, economía circular, ruralismo, cambio climático e participación social incorpóranse –ou reforzan o seu papel– en Monumenta, andar con arte 2021 programando actividades, conferencias, faladoiros, encontros, etc. dentro dos 14 roteiros que desde agosto ata mediados de setembro percorrerán Galicia coa novidade dunha primeira aproximación ao Bierzo leonés.
Estamos preparando a nova web que permitirá facer as reservas en liña, en cumprimento dos protocolos COVID de control de aforo e medidas de seguridade.

























